28 de abr. de 2013

Aí vén o maio


Aquí vén o maio de frores cuberto...
 puxéronse á porta cantándome os nenos;
 i os puchos furados pra min estendendo, 
pedíronme crocas dos meus castiñeiros. 
 Pasai, rapaciños, calados e quedos; 
que o que é polo de hoxe que darvos non teño. 
Eu sónvo-lo probe do pobo gallego: 
pra min non hai maio, ¡pra min sempre é inverno!... 
 Cando eu me atopare de donos liberto
 i o pan non me quiten trabucos e préstemos, 
e como os do abade frorezan meus eidos, 
chegado habrá entonces o maio que eu quero.
 ¿Queredes castañas dos meus castiñeiros?... 
Cantádeme un maio sin bruxas nin demos: 
un maio sin segas, usuras nin preitos, 
sin quintas, nin portas, nin foros, nin cregos. 

 Manuel Curros Enríquez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario